Skip to content Skip to footer

A OPP 95 impulsa a sustentabilidade da ría de Noia con sementeira de ameixa 

Sustentabilidade-da-ria-de-noia

Esta semana realizouse unha actuación clave na ría de Noia para a súa recuperación e sustentabilidade: sementéronse 700.000 unidades de ameixa xapónica de 14 mm na zona intermareal de Cuncheiro. O obxectivo é reforzar a capacidade produtiva dos bancos marisqueiros e mellorar o equilibrio do ecosistema mariño.  

A actuación enmárcase nun contexto especialmente complexo para o sector, marcado por unha elevada mortandade do berberecho e doutras especies debido á baixada da salinidade provocada polas intensas choivas dos últimos meses. Esta situación obrigou á toma dunha decisión clave: non reabrir a campaña marisqueira para favorecer a rexeneración natural dos bancos.  

Neste escenario, a sustentabilidade e a trazabilidade convértense en elementos fundamentais para garantir o futuro da actividade marisqueira. 

O criadeiro da OPP95, garantía de trazabilidade 

A semente empregada procede do criadeiro xestionado pola OPP95 de Noia, integrado no PPYC 2026 como unha ferramenta estratéxica para avanzar na sustentabilidade e na trazabilidade do marisqueo na ría de Noia. 

Este sistema de produción controlada permite garantir a trazabilidade ao longo de toda a cadea produtiva, ao tempo que reforza a sustentabilidade, a calidade e a seguridade alimentaria do berberecho de Noia. 

Mellora dos bancos marisqueiros con criterios de sustentabilidade 

A Confraría de Noia realizou previamente traballos de preparación do terreo, como a labra e a osixenación na zona de Taboleiro. Tras eso, incorporouse a cuncha para mellorar o substrato e favorecer condicións máis sostibles para o desenvolvemento das especies. 

Tamén se actuará en zonas como Pedras a Testal e na barreira entre As Barquiñas, co obxectivo de favorecer a fixación larvaria, impulsar a rexeneración natural e garantir a trazabilidade desde a semente ata o produto final. 

Estas accións forman parte dun sistema integral orientado á recuperación dos stocks, á optimización do medio produtivo e á aplicación de prácticas máis sostibles. 

A sustentabilidade e a trazabilidade sitúanse como piares fundamentais deste modelo de marisqueo, especialmente nun momento no que a recuperación dos bancos marisqueiros require tempo, control e unha xestión responsable. 

Transparencia para o consumidor 

A iniciativa tamén reforza a transparencia cara ao consumidor, ofrecendo información clara e verificable sobre a orixe do produto, a súa vinculación coa ría de Noia e os procesos produtivos. 

Nun contexto no que a dispoñibilidade de produto pode verse limitada pola recuperación natural dos bancos, a trazabilidade convértese nun elemento clave para garantir a confianza e a autenticidade do berberecho de Noia. 

O criadeiro da OPP95 consolídase como unha ferramenta clave para impulsar un modelo de produción innovador, sostible e baseado na trazabilidade. 

Este enfoque permite non só recuperar a capacidade produtiva da ría de Noia, senón tamén preparala para afrontar mellor os retos ambientais futuros, garantindo a continuidade do berberecho de Noia como produto de referencia.