Unha xestión innovadora e sostible
A Organización de Produtores Pesqueiros de Noia
A Organización de Produtores Pesqueiros de Noia (OPP-95 Noia) é moito máis que unha asociación: é a voz e a forza de quen vive do mar nunha das lonxas máis emblemáticas de Galicia. Constituída como unha entidade sen ánimo de lucro, a OPP Noia agrupa a máis de 1.500 profesionais do mar con embarcacións de porto basee en Noia.
O seu obxectivo é garantir que a actividade pesqueira sexa sostible, rendible e respectuosa co medio ambiente, velando sempre pola conservación dos recursos mariños e a protección do noso ecosistema.
As súas funcións:
- Coordinar e representar aos seus socios en defensa dos seus intereses.
- Fomentar unha pesca responsable, sostible e de calidade, axustada á normativa europea e ás boas prácticas.
- Promover a valorización dos produtos pesqueiros, reforzando o seu prestixio nos mercados.
- Impulsar medidas para a planificación e xestión sostible das capturas, asegurando o futuro da actividade para as próximas xeracións.
Transforma a tradición marisqueira nun modelo de xestión innovador, asegurando a rendibilidade do sector pesqueiro, o coidado dos recursos mariños e o recoñecemento do Berberecho de Noia como emblema de calidade e sustentabilidade.
Cunha mirada que une tradición e modernidade, a OPP Noia é hoxe un motor de desenvolvemento económico e social na ría, un referente no coidado dos recursos e un aliado estratéxico para o sector pesqueiro e para toda a comunidade.
A casa común dos mariscadores
A Confraría
A Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia é a orixe da Organización de Produtores Pesqueiros de Noia (OPP-95).
Esta Confraría representa a uns 1.500 profesionais do mar en Noia, Outes e portos próximos. Xestiona as lonxas de Testal e O Freixo, asegura a transparencia na comercialización de moluscos e actúa como voz colectiva do sector fronte a Administración. Ademais, impulsa proxectos de sustentabilidade, igualdade e saúde laboral, reforzando o seu papel como institución moderna e comprometida.
A Confraría é a casa común dos mariscadores, e a OPP-Noia é a ferramenta que moderniza e proxecta o seu traballo cara ao futuro.
A Confraría comercializa unicamente moluscos bivalvos:
- Berberecho (o produto principal)
- Ameixa babosa
- Ameixa fina
- Ameixa japónica
- Ostra
A ESENCIA DA RÍA CON ROSTRO HUMANO
O marisqueo
O marisqueo en Noia
O marisqueo en Noia é moito máis que unha actividade económica: é a esencia da ría e o motor que sostén a miles de familias. Xeración tras xeración, mariscadores e mariscadoras converteron este labor nun símbolo de identidade local, mantendo vivas tradicións que combinan esforzo, coñecemento do mar e respecto pola natureza.
A súa importancia non radica só no volume e calidade das capturas, senón tamén no carácter artesanal, sostible e comunitario co que leva a cabo.
Unha contorna única
O éxito do berberecho de Noia está ligado ao seu hábitat: a ría de Noia, un estuario onde se mesturan augas doces e salgadas, creando un dos ecosistemas máis produtivos do planeta, cunhas condicións excepcionais para o crecemento de moluscos bivalvos. Estas condicións fan do Berberecho de Noia un produto de calidade e sabor inconfundible.
Métodos de captura: tradición e sustentabilidade
A extracción realízase con métodos tradicionais e sostibles, tanto na modalidade de marisqueo á boia como a pé. Destaca o uso do rastro de berberecho, deseñado para extraer o molusco de maneira selectiva e respectuosa co ecosistema. As súas características están reguladas: separación de baleas de 20 mm, doia de 54 cm e dentes de 6,5 cm. Estas medidas garanten que só se recollan pezas aptas, protexendo o ciclo natural de crecemento e asegurando a sustentabilidade do recurso.
Plan de xestión e explotación
A OPP-95 Noia e a Confraría de Pescadores de Noia xestionan o plan de xestión e explotación que equilibra capturas e conservación. A campaña, de setembro a marzo, reúne a miles de mariscadores e a confrarías veciñas nun modelo de cooperación e control responsable.
Prezos xustos e talla mínima
Unha actividade con rostro humano
O marisqueo en Noia é sustento de miles de familias, unindo tradición, esforzo e respecto polo mar. Máis que un oficio, é un modo de vida e orgullo colectivo que converteu ao berberecho en icona de Galicia.