Skip to content Skip to footer

O mellor berberecho do mundo

O berberecho

Non é unha casualidade que máis do 70 % do berberecho de orixe España proceda da ría de Noia e que algúns dos máis prestixiosos chefs nacionais e internacionais téñano nas súas cociñas.

O Berberecho de Noia está recoñecido como o mellor do mundo por unha combinación de factores naturais e humanos:

  • O seu hábitat está nun ecosistema privilexiado, onde conflúen augas doces e salgadas cargadas de nutrientes, xerando unha contorna perfecta para o seu desenvolvemento.
  • A súa extracción é 100 % artesanal e sostible, realizada a pé ou á boia por mariscadores da Confraría de Noia.
  • Destaca polas súas calidades organolépticas únicas: sabor intenso, aroma mariño inconfundible e unha textura fina que o converten nun auténtico produto gourmet.

Recoñecemento e marca de orixe:

O Berberecho de Noia é moito máis que un recurso natural: é un símbolo de identidade e tradición galega.

  • Só se comercializa baixo a autorización do Plan de Explotación da Xunta de Galicia.
  • Póxase exclusivamente nas lonxas de Testal (Noia) e O Freixo (Outes).
  • Está apoiado pola OPP-95 Noia e a Confraría de Pescadores de Noia, que garante a súa rastrexabilidade, orixe certificada e máxima seguridade alimentaria.

Grazas a este sistema de control, o Berberecho de Noia consolidouse como un produto de prestixio internacional, apreciado nos mellores mercados e cociñas.

Propiedades nutricionais do berberecho:

Os berberechos destacan por ser un alimento saudable, lixeiro e baixo en graxa, o que os converte nunha opción excelente dentro dunha dieta equilibrada.

  • Achegan moi poucas calorías.
  • Conteñen menos colesterol que outros mariscos, resultando máis recomendables para persoas con dietas controladas.
  • Son unha fonte natural de ferro, beneficiosa en casos de anemia ferropénica ou para quen busca reforzar a súa inxesta de minerais esenciais.

Ademais, os berberechos son ricos en proteínas de alta calidade e micronutrientes como o magnesio, o potasio e o zinc.

UN DISTINTIVO DE CONFIANZA

Garantías do selo

O selo Berberecho de Noia non é só unha etiqueta: é a garantía de que detrás de cada berberecho hai tradición, sustentabilidade e un compromiso colectivo coa excelencia.

Escoller un produto co selo Berberecho de Noia é apostar por un molusco que representa o mellor de Galicia: un recurso natural único, capturado con respecto ao mar e avalado por unha comunidade marisqueira que leva xeracións coidando da ría.

A marca colectiva “Berberecho de Noia · Rías Galegas · Pesca Artesanal” é un distintivo que diferencia os berberechos (Cerastoderma edule) capturados na ría de Noia, por profesionais do marisqueo a pé e a flote, baixo as autorizacións e concesións recollidas no Plan de Explotación da Confraría de Pescadores de Noia. Só os moluscos recollidos por profesionais inscritos neste plan e comercializados nas lonxas de Testal e O Freixo poden levar este distintivo.

O selo certifica que todos os berberechos amparados proceden exclusivamente da Ría de Noia, un dos ecosistemas máis produtivos e ricos en nutrientes do planeta. Esta procedencia é clave para explicar o seu sabor único e a súa calidade recoñecida.

O selo tamén garante que cada berberecho foi capturado con artes de pesca tradicionais e sostibles, tanto na modalidade de marisqueo a pé como a flote. Estas prácticas aseguran o respecto polo medio e a sustentabilidade dos bancos marisqueiros, mantendo un equilibrio entre explotación e conservación.

O selo asegura que o produto chega ao mercado no seu momento óptimo de consumo, cun tamaño axeitado e tras pasar todos os controis de trazabilidade.

A Confraría de Noia limita a recollida do molusco á época comprendida entre setembro e marzo, cando o berberecho está nas mellores condicións de rendemento e a vianda é máis grande. Nos meses de verán, cando está en época de reprodución, nunca se recolle. Isto garante a autorrexeneración do molusco e que se acaden tamaños que non se atopan noutras partes do mundo.

CALIDADE E SOSTIBILIDADE

Trazabilidade

A trazabilidade é un dos compromisos da OPP-95 Noia e da Confraría de Pescadores de Noia para garantir ao consumidor que o berberecho que compra procede da Ría de Noia e cumpre cos máis altos estándares de calidade e sustentabilidade.

Cada envase incorpora un código que permite verificalo de forma rápida.

O sistema de trazabilidade resume e garante aspectos fundamentais para o consumidor:
  • Orixe xeográfica: confirma que se trata de berberecho capturado na Ría de Noia.
  • Especie: garante que o produto corresponde a Cerastoderma edule, a especie de berberecho recoñecida pola súa calidade e valor económico.
  • Método de captura: certifica que se extraeu mediante artes tradicionais e sostibles, tanto a pé como a flote.
  • Autenticidade: asegura que o produto cumpre coas normas do Plan de Explotación autorizado pola Xunta de Galicia e comercializado nas lonxas oficiais de Testal e O Freixo.

Empresas adheridas: conserveiras, depuradoras e peixarías en liña