Skip to content Skip to footer

Así se recolle o Berberecho de Noia: os apeiros que marcan a diferenza

Asi-se-recolle-o-berberecho-de-noia

A diferenza do Berberecho de Noia está tamén na forma de recollelo. Un traballo artesanal, baseado na tradición e coñecemento de xeracións de mariscadoras e mariscadores da ría e cunha selección de ferramentas que favorecen a sustentabilidade dos bancos marisqueiros e redundan na calidade do seu produto.

Fronte aos límites xerais do marisqueo en Galicia, o plan de xestión de Noia establece requisitos máis selectivos: dentes moito máis curtos, maior separación entre as varelas e determinadas artes que non están autorizadas.

Non son simples diferenzas técnicas. Son medidas que reducen a penetración no substrato e permiten que os exemplares máis pequenos permanezan na ría. Unha forma de traballar que reflicte os valores do selo Berberecho de Noia: pesca artesanal, protección do recurso e excelencia desde a orixe.

Dentes máis curtos

O Berberecho de Noia recóllese de maneira artesanal, tanto a pé como dende unha embarcación. No marisqueo a pé empréganse ferramentas manuais como o sacho, o angazo ou rastrillo e a gancha. Na modalidade a flote utilízanse rastros manexados directamente polos profesionais. Pero que teñen de diferente?

O Plan de xestión da Confraría de Pescadores de Noia establece medidas específicas para os rastros utilizados dende embarcación e para as rañicas ou ganchas a pé. Mentres que a normativa xeral permite dentes de ata 15 cm e fixa unha separación mínima de 17 mm entre as varelas, en Noia os dentes non poden superar os 6,5 cm e as varelas deben estar separadas un mínimo de 20 mm.

Os dentes máis curtos penetran menos no substrato e permiten unha extracción máis superficial. Isto reduce a cantidade de sedimento que se remove e limita a alteración física do banco marisqueiro.

Máis separación entre varelas

Os tres milímetros adicionais entre as varelas teñen unha función importante: facilitan que os berberechos de menor tamaño pasen entre elas e permanezan no banco marisqueiro. Esta selección máis esixente contribúe a unha das características que distinguen a marca: ata o Berberecho de Noia máis pequeno é máis grande que a media.

A ferramenta actúa como unha primeira medida de selección durante a propia recollida. Non substitúe os controis posteriores nin os requisitos de talla, pero contribúe a evitar a extracción dos exemplares máis pequenos e favorece que poidan continuar o seu desenvolvemento na ría.

Esta diferenza mostra que a sustentabilidade non depende unicamente dos calendarios, das cotas ou dos controis en lonxa. Tamén está presente no deseño e nas dimensións do apeiro co que se traballa cada día.

Non as artes remolcadas

Outra diferenza importante é que o Plan de xestión de Noia non inclúe entre as artes autorizadas nin a forquilla —permitida pola normativa xeral e contemplada en plans doutras zonas— nin os rastros remolcados a motor.

A forquilla pode penetrar a maior profundidade no substrato, mentres que os rastros remolcados exercen unha acción continua sobre unha superficie máis ampla.

asi-se-recolle-o-berberecho-de-noia

Ao prescindir destas artes, redúcese a intensidade coa que se remove o sedimento e limítase a alteración física dos bancos marisqueiros. Isto favorece unha extracción máis controlada e respectuosa co fondo, esencial para conservar o hábitat no que medra o berberecho e garantir a continuidade do recurso.

A pesca sostible, unha garantía do selo

A forma de mariscar en Noia é unha das garantías recollidas polo selo Berberecho de Noia · Rías Galegas · Pesca Artesanal. O distintivo non só certifica a orixe e a trazabilidade do produto, senón tamén que foi recollido mediante métodos artesanais e sostibles por profesionais autorizados.

As ferramentas forman parte deste compromiso. A maior separación entre as varelas, os dentes máis curtos e a ausencia de artes remolcadas favorecen unha extracción máis selectiva e respectuosa cos bancos marisqueiros.

Por iso, cando escollemos un produto co selo Berberecho de Noia, tamén estamos a escoller unha forma diferente de mariscar: un modelo baseado na selección, na protección do recurso e no futuro da ría.