Vivir enterrado na area non libra o berberecho dos perigos. O Berberecho de Noia non nos gusta solo aos humanos, tamén forma parte do menú de cangrexos, estrelas de mar, aves e algúns peixes. E ainda que a depredación é un proceso natural dentro da ría, cando a presión é elevada pode reducir a supervivencia dos xuvenís e dificultar a recuperación dos bancos marisqueiros.
Por iso son importantes as tarefas de seguimento e control. Cando se detecta unha presenza excesiva de estrelas de mar ou cangrexos, pódese actuar de forma puntual para protexer os xuvenís, as sementeiras e a recuperación dos bancos, sen eliminar especies que forman parte do ecosistema.
Cales son os principais depredadores do berberecho?
O cangrexo: pinzas contra cuncha

Os cangrexos son coñecidos depredadores dos bivalbos. Suxeitan o berberecho coas pinzas e rompen ou abren as valvas para chegar aos tecidos brandos. Os exemplares máis pequenos son os máis vulnerables porque as súas cunchas ofrecen menos resistencia.
A súa presenza tamén inflúe nos berberechos que non chega a capturar. Experimentos realizados polo CSIC observaron cambios no enterramento e na filtración do Cerastoderma edule cando detecta este depredador. É dicir, o cangrexo non só actúa cando ataca: a súa proximidade tamén pode modificar o comportamento do berberecho.
Estrelas de mar: un ataque paciente

As estrelas de mar utilizan os pés ambulacrais para suxeitar as valvas e exercer presión ata abrilas lixeiramente. Despois proxectan o estómago sobre os tecidos brandos para dixerilos. Por iso, tras o ataque pode quedar unha cuncha enteira, aberta e baleira.
Qué marcas deixan os depredadores nas cunchas?
As cunchas poden dar pistas sobre o que sucedeu. Os bordos fracturados ou as roturas irregulares poden ser compatibles cun ataque de cangrexo. Dúas valvas enteiras, abertas e baleiras poden indicar a acción dunha estrela de mar. Un pequeno orificio regular pode corresponder a un gasterópodo perforador.
Estas marcas non son unha proba definitiva. O movemento do sedimento, o mar ou o propio pisoteo tamén poden romper as cunchas.
Controlar para protexer, non para eliminar

Cangrexos e estrelas de mar forman parte da vida da ría, pero unha presenza excesiva pode poñer en risco os xuvenís, as sementeiras e a recuperación dos bancos. Por iso, o Plan de xestión de moluscos bivalvos da Confraría de Noia para 2024-2026 contempla expresamente o control destes dous grupos.
O obxectivo non é eliminalos, senón actuar de forma puntual cando o seguimento técnico detecta unha presión elevada. As mostraxes permiten coñecer o estado de cada banco e decidir se é necesario realizar retiradas controladas. Este traballo compleméntase coa vixilancia, a limpeza, os traslados, as sementeiras e o acondicionamento do substrato.
Porque un banco marisqueiro non é un almacén de produto, senón un ecosistema vivo. Protexer o Berberecho de Noia tamén significa coidar ese equilibrio e intervir con criterio cando sexa necesario.
