SOBRE O BERBERECHO
O berberecho (Cerastoderma Edule), é un molusco bivalvo con dúas valvas con forma de corazón, de cor predominantemente branca cunha serie de 22-28 costelas radiais, cun péndulo en forma de sifón que usa para moverse e alimentarse, mediante a filtración de agua da que extrae fitoplancto.
Caracterízase por presentar un baixo contido en graxa, polo que se trata dun alimento con escasa achega calórica. A cantidade de colesterol que contén é baixa, se se compara con outros mariscos.
Outra das vantaxes que ofrece o consumo de berberechos é o contido en ferro, polo que o seu consumo está especialmente indicado no caso de anemia ferropénica.
É unha especie de crecemento rápido e de vida curta, aproximadamente tres anos.
O berberecho acada o tamaño comercial no seu primeiro ano de vida, no segundo e terceiro acada tamaños de categoría especial na Ría de Noia.
O seu tamaño e a súa calidade son recoñecidas a nivel mundial, xa que habita nunha zona onde as condicións naturais son excepcionais, ademais da forma de captura con métodos totalmente artesanais e tradicionais.
METODO DE CAPTURA
A colleita do berberecho faise utilizando métodos tradicionais e artesanais, tanto desde embarcación na modalidade de marisqueo a flote como a pé desde a modalidade de marisqueo a pé. Cabe destacar que esta última actividade é desenvolvida case na súa totalidade por mulleres.
A arte utilizada para a captura do berberecho é o denominado Rastro de berberecho, que debe reunir as seguintes características:
Rastro berberecho | |
---|---|
Separación varillas mm | 20 mm |
Duela cm | 54 cm |
Lonxitude dentes cm | 6,5 cm |
O PLAN DE XESTIÓN E EXPLOTACIÓN
A Confraría de Pescadores de Noia xestiona en réxime de autorización administrativa os bancos de berberecho máis importantes a nivel nacional.
Ademais dos mariscadores socios da confraría de pescadores de Noia, tamén traballan mariscadores/as das confrarías de Muros, Porto do Son e Portosín.
A campaña marisqueira vai desde o mes de setembro ao mes de marzo, aínda que os meses máis fortes son de setembro a decembro.
A COMERCIALIZACIÓN: LONXAS DE TESTAL E O FREIXO
O marisco véndese en poxa pública «á baixa». Nas lonxas hai máquinas clasificadoras que permiten unha perfecta clasificación por tamaños, desbotando aqueles de talla ilegal, que se devolven ao mar. O berberecho clasifícase en 4 tamaños: 1ª, 2ª, 3ª e 4ª, que acadan distintos prezos de venda.
A talla mínima de comercialización do berberecho establécese en 28 mm.