Skip to content Skip to footer

A OPP-Noia protexe o futuro da ría: non reabrir para garantir a rexeneración

Barcos-parados

A ría de Muros-Noia atravesa un dos momentos máis delicados dos últimos anos para o sector. Tras meses de intensas choivas, que provocaron unha forte baixada da salinidade, as últimas mostraxes realizadas pola confraría de Noia, xunto con biólogos da entidade e da Xunta de Galicia, confirmaron a mortaldade de ata o 80 % no berberecho e entre o 90 e o 95 % na ameixa babosa.

Dentro deste complexo contexto, algúns datos permiten mirar ao futuro con prudente optimismo: a ameixa japónica mostrou unha maior resistencia, con ao redor do 60 % de supervivencia. Aínda que boa parte da especie que logrou sobrevivir aínda non alcanza a talla comercial, o dato confirma que a ría conserva o seu potencial produtivo, pero que é necesario darlle tempo para recuperarse.

Unha decisión responsable para garantir o futuro

Por esta situación, desde a Confraría de Pescadores de Noia e desde a OPP-Noia adoptaron unha decisión crave: non reabrir a campaña marisqueira e solicitar o cesamento forzoso da actividade. Esta sentenza, que afecta a máis de 1.500 mariscadores, responde a un obxectivo claro: protexer o recurso e favorecer a rexeneración natural dos bancos.

Mentres dure esta situación, é importante transmitir aos consumidores que non haberá produto procedente dos bancos marisqueiros da ría de Muros-Noia. Desde a OPP-Noia cremos que esta transparencia é clave para evitar confusións e que o consumidor dispoña dunha información clara e completa sobre a dispoñibilidade e a orixe do marisco.

O peche non é unha renuncia, senón unha aposta estratéxica pola sustentabilidade e a continuidade do marisqueo na ría de Noia. Actuar con prudencia hoxe, permitirá que as especies se recuperen nas mellores condicións posibles e que o sector poida retomar a súa actividade con garantías no momento adecuado. Traballar os areais nas condicións actuais só reforzaría os danos.

Cando se retome a actividade, a OPP-Noia reforzará a comunicación para que o consumidor poida identificar o produto con garantías, asegurando a súa comercialización a través de canles autorizadas e coa documentación e a etiquetaxe necesarios para garantir a rastrexabilidade (orixe e circuíto de venda).

Apoio institucional e mirada ao futuro

A OPP e a confraría xa realizou contactos coa Consellería do Mar para axilizar as prestacións destinadas aos profesionais afectados por esta decisión. Este respaldo resulta esencial para que os mariscadores poidan afrontar este parón con maior tranquilidade.

berberechos

Coidar hoxe para volver mañá

Aínda que a ría permanece pechada, a prioridade da OPP-Noia é clara: a sustentabilidade. Protexer o que queda no mar permitirá que o marisco creza de aquí ao outono e que a ría de Muros-Noia siga sendo un dos grandes referentes do marisqueo en Galicia.

Por iso, é importante transmitir, como recomendación ao consumidor, que cando haxa produto dispoñible, busque sempre canles oficiais e puntos de venda que ofrezan información de orixe e rastrexabilidade, para comprar con total seguridade e transparencia.

Adaptarnos ao que a ría dános forma parte da nosa responsabilidade. Agora toca deixala descansar para que poida recuperar o seu equilibrio natural.