Skip to content Skip to footer

O Berberecho de Noia levou o sabor da ría á feira Etiqueta Negra Gourmet

Un berberecho de etiqueta na feira Etiqueta Negra. Do 8 ao 10 de novembro, a OPP-95 Noia participou coa marca Berberecho de Noia na feira Etiqueta Negra Gourmet de Pontevedra, un dos principais eventos gastronómicos de Galicia dedicados aos produtos premium e de orixe.

A marca contou cun stand propio, no que numerosas persoas visitantes puideron coñecer de preto a calidade e a singularidade deste berberecho único. Entre as persoas que se achegaron ao espazo destacou a Conselleira do Mar, Marta Villaverde, que quixo mostrar o seu apoio ao traballo que se realiza en Noia para promover un produto gourmet de extracción artesanal, sostible e de orixe garantida.

Durante os tres días de feira, o stand acolleu degustacións da tradicional empanada de croques, elaborada con berberecho na súa propia cuncha, un dos pratos máis emblemáticos da gastronomía local de Noia.

Outro dos momentos máis destacados foi a celebración dun showcooking do chef Miguel Mosteiro, que reuniu máis dun cento de asistentes. Na sesión tamén participou Fran Sotelino, e ambos amosaron a elaboración de varias receitas co Berberecho de Noia como protagonista.

Berberecho de Noia tamén colaborou nun maridaxe especial coa nova cervexa Rivera Reposada, de Hijos de Rivera, unha combinación que sorprendeu ao público polo seu equilibrio entre o sabor do mar e as notas tostadas da cervexa.

Con esta participación, o Berberecho de Noia reafirma o seu compromiso con dar a coñecer o produto, reforzar a súa trazabilidade e poñer en valor o traballo das mariscadoras e mariscadores, responsables de que este auténtico sabor da ría chegue ás mesas de Galicia e máis alá.

Esta actividade está enmarcada dentro do Plan de Produción e Comercialización 2024-2025 da OPP-95 Noia, cofinanciada pola FEMPA e pola Xunta de Galicia.