O vindeiro venres 19, de 11:30 a 13:30 horas, o Mercado Municipal da Praza de Lugo da Coruña acollerá unha acción de promoción centrada no berberecho de Noia de cuarta, co obxectivo de dar a coñecer a calidade e versatilidade deste produto mesmo nos seus calibres máis pequenos.
Showcooking en directo con Santiago Fernández
A iniciativa contará cun showcooking en directo a cargo do cociñeiro Santiago Fernández, de Terra Food Solutions, que elaborará diferentes receitas de entrantes e pratos rápidos, pensados especialmente como propostas prácticas e saborosas para os menús de Nadal. Durante a xornada, o público asistente poderá comprobar como o berberecho de Noia mantén todo o seu sabor, textura e valor gastronómico independentemente do seu tamaño.
Degustación de empanada tradicional de croques
Ademais das elaboracións en directo, ofrecerase unha degustación da tradicional empanada de croques, unha receita típica da zona de Noia que forma parte do receitario popular galego e que pon de relevo o arraigamento cultural do produto.
Acción informativa en mercados de toda Galicia
De maneira paralela ao showcooking, desenvolverase unha acción informativa en mercados de toda Galicia, con reparto de folletos divulgativos en oito prazas clave:
Na Coruña, na Praza de Lugo e na Praza de San Agustín; en Vigo, no Mercado do Calvario e no Mercado do Berbés; en Santiago de Compostela, na Praza de Abastos; en Lugo, na Praza de Abastos; en Pontevedra, no Mercado Municipal; e en Ourense, na Praza de Abastos.
Gastronomía, coñecemento e estratexia
Esta acción busca reforzar o coñecemento do consumidor sobre o berberecho de Noia, poñendo o foco na calidade do produto, na súa orixe e no seu aproveitamento culinario, máis alá dos calibres tradicionalmente máis demandados.
Desde Terra Food Solutions destacan que “a gastronomía é moito máis ca unha experiencia culinaria: é unha combinación de paixón, coñecemento e estratexia”, unha filosofía que se reflicte nesta iniciativa, na que tradición, produto local e divulgación gastronómica van da man para achegar o berberecho de Noia ao consumidor final.
